viernes, 28 de septiembre de 2012

Carta del Secretario general del Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

A continuación reproducimos la carta que Xosé Manuel Sánchez Aguión, Secretario general del sindicato Nacional de CCOO de Galicia, envía a todos los afiliados con el fin de explicar la verdad sobre lo que sucede en FOREM.





Estimada compañeira
Estimado compañeiro




Diríxome a ti, en primeiro lugar para trasladarche a nosa felicitación e agradecemento pola túa implicación e compromiso, maior agora que a situación de crise que padecemos precisa de todo o noso esforzo. Boa proba diso foi a masiva participación dos homes e mulleres que conformamos as CCOO de Galicia nas manifestacións unitarias do pasado 19 de xullo nas cidades galegas, e máis recentemente na concentración estatal celebrada en Madrid o pasado 15 de setembro.

Como ben sabes, a situación económica e social no noso país empeora por momentos. As autoridades políticas e financeiras da Unión Europea colocaron unha soga ao pescozo de España e o Goberno de Rajoy lévanos con entusiasmo ao límite, afondando aínda máis na recesión.

Os efectos dos axustes e do rescate son demoledores, como se pode comprobar en Grecia, Irlanda ou o veciño Portugal, onde a situación é agora moito máis grave ca antes de maio de 2010, data en que se iniciou este camiño ao suicidio.

O PP de Mariano Rajoy e do seu fiel escudeiro, Núñez Feijóo, pretende —de maneira consciente— aproveitar a crise para provocar unha involución social e política sen precedentes en Europa e en España. Quere acabar co Estado social e de dereito que se conseguiu en democracia grazas ao esforzo de varias xeracións de españois e españolas —dereitos laborais, civís colectivos, individuais, a educación, a sanidade, os servizos sociais, etc.

Nesta política de involución democrática enmárcanse os brutais ataques aos sindicatos en xeral, e ás CCOO en particular. Chegan desde os sectores máis conservadores e trasnoitados da nosa sociedade porque lles resultamos molestos, porque somos o único muro de contención que lles impide campar ás súas anchas.

Forma parte desa política a redución en máis dun 60% das partidas orzamentarias destinadas á formación para o emprego. Así, ao tempo que eliminan os sindicatos do sistema, reducen o dereito dos traballadores e traballadoras a melloraren a súa cualificación profesional ou a súa empregabilidade. Tamén ocasiona un gravísimo problema ás empresas e entidades que xestionan e desenvolven eses proxectos formativos. O Partido Popular é o responsable destas políticas de recortes e traspaso de recursos públicos a mans privadas.

Como ben sabedes, os recursos de formación para o emprego proceden, fundamentalmente, das cotas que pagamos os traballadores e traballadoras e que nos descontan das nóminas. Temos, polo tanto, todo o dereito a xestionalos e a asegurar que se destinan á finalidade prevista, isto é, que non se transvasan a mans de empresas privadas que buscan só o negocio e o beneficio, ás que lles importa máis ben pouco a calidade e utilidade da formación.

Neste escenario encádrase a difícil situación da fundación FOREM-Galicia, ferramenta para a formación que Comisións Obreiras pon ao servizo dos traballadores e traballadoras, non só da afiliación. A actividade da fundación só é posible grazas ao financiamento público, ao que concorre con outras iniciativas privadas. Sen el, FOREM non pode realizar a súa función, e as consecuencias sófrenas o seu alumnado e o persoal.

Ante estes recortes, que non foron negociados e que superan as previsións máis negativas, a decisión da dirección de FOREM é preservar o maior número posible de postos de traballo nas mellores condicións, para que poida seguir prestando servizo aos traballadores e traballadoras. Para isto, abríronse canles de comunicación e diálogo coa representación legal do persoal e trasladóuselles información sobre a situación económica... esa situación económica que impide que a fundación poida desenvolver a actividade habitual, e que obriga a un axuste tanto de persoal como de locais.

Somos transparentes, por iso poñémonos á disposición de toda a afiliación para facilitarvos a información que precisedes sobre este delicado asunto e resolver as dúbidas que vos xurdan. Esa mesma transparencia tamén a aplicamos cos medios de comunicación, aos que demos nos pasados días toda a información e explicacións que solicitaron.

O 3 de setembro iniciarase o período de consultas do expediente de regulación de emprego, e desexamos que poida concluír cun acordo que permita paliar a situación e manter a actividade no novo contexto. A proposta da dirección de FOREM, como non pode ser doutra forma, é que prevaleza o emprego, o mantemento do maior número de postos de traballo posible, fronte a outras opcións —como poden ser as indemnizacións.

Este é a situación que, de maneira insidiosa, se está aproveitar para atacar as CCOO. Só desde o descoñecemento interesado das normas laborais e desde a peor intención é posible afirmar que a pretensión da dirección de FOREM e de CCOO de Galicia é aplicar a reforma laboral. Non é certo, é rotundamente falso. Non se aplica a reforma laboral por fixar unha indemnización de vinte días por ano cun tope de doce mensualidades, porque iso xa está previsto no Estatuto dos Traballadores desde a súa aprobación no ano 1980 para os despedimentos obxectivos. Tampouco se alegou previsión de perdas ou de redución de ingresos, porque a memoria do expediente documenta unha redución de ingresos para este ano do 58%, ao pasaren de sete a tres millóns de euros os recursos que se van xestionar.

Poida que algunhas empresas apliquen ERE para mellorar os seus resultados sobre a base de alegar menos beneficios previstos —como di a reforma laboral aprobada polo PP e que desde CCOO estamos a combater con todas as nosas forzas nas empresas e sectores—. Claro que coñecemos estas situacións. Pero a realidade é que FOREM non reparte beneficios nin ten recursos propios, xa que ofrece un servizo público que ninguén paga. O obxectivo de FOREM é dotar da mellor cualificación profesional o seu alumnado, desde a óptima atención profesional e que se desenvolva desde as mellores condicións laborais posibles. E esta formulación choca cos intereses de quen quere que haxa menos dereitos sociais e democráticos, menos servizos públicos para atender mellor a quen máis o necesita e, de paso, menos capacidade de resistencia das organizacións dos traballadores e traballadoras como é CCOO.

Ante as insidias, o que cabe responder categoricamente é que quen obriga a dirección de FOREM a non poder manter a súa actividade e a súa estrutura actual son a Xunta e o Goberno do Estado, que impoñen a necesidade de negociar e aplicar un ERE tan traumático en FOREM Galicia.

Comprendemos as persoas que tras anos de traballo e compromiso con FOREM perden o seu posto de traballo e, con iso, ven dificultado o seu proxecto de vida. Pero temos a responsabilidade, a obriga, de asegurar o maior número de postos de traballo que poidamos, nas mellores condicións posibles, que fagan viable o funcionamento da fundación.

Os traballadores e traballadoras en Galicia saben de sobra que tanto as reformas laborais recentes como os recortes impostos polos gobernos do PP, en Galicia e no Estado, teñen en CCOO a maior das oposicións posibles e que esta se manifesta nas empresas e nos sectores onde desenvolvemos o noso labor sindical. Nesa tarefa, e como sempre o fixemos, que ninguén dubide de que sempre poñeremos por diante a defensa dos traballadores e traballadoras.

Recibe unha forte aperta.





Xosé Manuel Sánchez Aguión
Secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia