A plantilla de La Voz de Galicia esixe o mantemento do 100% do emprego antes de entrar a negociar coa empresa.
A dirección de La Voz de Galicia iniciou, o pasado 8 de maio, o
período de consultas para a inaplicación do convenio colectivo co
obxectivo de abordar rebaixas salariais durante o período 2013 e 2014,
que se traducirían nunha rebaixa para o 2013 de entre un 15% e un 16% do
salario base e un 66% dos complementos, e para o 2014 dun recorte dun
14 ou un 15% do salario e un 33% dos complementos, pese a que as contas
presentadas recollen que a empresa rematou o 2012 con máis de medio
millón de euros de beneficios. Esta negociación pechouse sen acordo
entre as partes e os representantes dos traballadores e a dirección da
empresa están citados para unha comisión paritaria este xoves, 30 de
maio, as 16 horas.
Con carácter previo a esta nova rolda de conversacións coa empresa,
celebrouse o pasado domingo 26 en Compostela, unha asemblea de
traballadores na que a plantilla respaldou que se antepoña ao inicio de
calquera tipo de negociación o mantemento do 100% dos actuais postos de
traballo ata a firma do seguinte convenio.
Se ben a empresa xustifica, aínda que non presentou toda a
documentación esixida polos representantes dos traballadores, a súa
Proposta do 66% nas malas perspectivas económicas e o retroceso xa
padecido o ano pasado, desde o comité remarcouse que no 2012 a cifra de
negocio de La Voz de Galicia reduciuse nun -6%, os soldos e salarios da
plantilla fixeronno a un ritmo catro veces superior (-14%), o número de
persoal baixou nun -13,5% e, nese mesmo período, as retribucións da alta
dirección só o fixeron nun -1% e as abonadas neste concepto na
sociedade dominante do grupo de empresas (Corporación Voz de Galicia)
medraron un 11,8%.
Os traballadores levan anos asumindo importantes sacrificios tanto a
nivel económico (a empresa aforrou un 34% en salarios entre o 2008 e o
2012) como de destrucción de emprego (con 187 traballadores menos) e
defenden que o actual convenio colectivo aínda é unha ferramenta válida
como plan de aforro.
O Comité tamén cuestiona que a dirección da empresa queira transmitir
unha imaxe de debilidade do compañía para forzar a plantilla a asumir
máis recortes cando nunha situación de crise do sector, como a que se
está a padecer, a actividade editorial de La Voz de Galicia só caeu un
6%, mentras medraba o seu patrimonio neto, o seu fondo de maniobra e
reducía as súas débedas. Ante esta situación e os continuos
incumprimentos nos últimos anos por parte da directiva, o Comité esixe a
dirección garantías inequívocas alomenos de que se manterán os 352
postos de traballo actuais antes de sentarse a negociar novas medidas
que axuden a mellorar a situación competitiva de La Voz de Galicia.